Thursday 02 de May de 2024

Cambre convoca unha mobilización ante a pasividade de Fomento no perigoso cruce na Rocha


O goberno local de Cambre vén de convocar unha mobilización, o vindeiro luns 26 sobre as 12.00 horas, para esixir ao Ministerio de Fomento a execución da obra no cruzamento da Rocha (N-550 coa A6) que estivo comprometida nos orzamentos do Estado desde hai tempo e que segue sen levarse a cabo a pesar dos continuos accidentes que teñen lugar neste punto negro. O Concello fai un chamamento ás asociacións de veciños, usuarios da estrada e a toda a comarca para concentrarse na mesma intersección co fin de que Fomento execute esta obra.

O alcalde, Óscar García Patiño, lembra que non se fixo nada do prometido hai unha década, nin agora. Lembra que é un cruzamento moi conflitivo e moi perigoso. Os semáforos sofren avarías a miúdo e cando funcionan xeran retencións. “Levamos máis de 15 anos demandando unha solución e Fomento non parece importarlle o problema de seguridade que se observa a diario neste cruzamento, é inadmisible”.

Segundo García Patiño, non se trata dunha obra para Cambre, trátase dunha obra de seguridade para toda a área metropolitana polo que os veciños de Carral ou Culleredo, ademais dos veciños das parroquias de Cambre, afectados, están convocados á protesta.

O Goberno central, no ano 2003, expuxo a construción dun viaduto para garantir que o tráfico da estrada nacional e recoñecía en 2003 que este punto era “un dos máis concorridos do municipio e carecía de seguridade”.

En 2007 Fomento asegurou ao Executivo municipal daquel entón que contemplaba a construción dun viaduto sobre a glorieta. E, en 2009, Fomento asegurou que iniciaría os trámites para contratar a reforma da intersección, así como o expediente de expropiación dos terreos necesarios para levar a cabo a actuación.

Fomento volveu anunciar en 2016 unha proposta para o cruzamento sen a construción do viaduto e optando por remodelar a actual glorieta partida.

O departamento estatal aprobou de forma definitiva o proxecto de trazado para reformar o cruzamento en 2017, pero ata agora non sacou a licitación a actuación nin deu prazos prazos para a súa execución.